Política de sostibilidade do consorcio de turismo e congresos Da Coruña

A xestión da actividade turística na cidade da Coruña realízase dende a súa creación baixo a fórmula xurídica do «consorcio», coa participación do Concello da Coruña, a Cámara de Comercio e a Autoridade Portuaria.

Nos seus estatutos, adaptados ao disposto na Lei 27/2013 do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da administración local, e na 15/2014 do 16 de setembro, de racionalización do sector público, en virtude de acordo adoptado o 28 de novembro de 2014, recóllese que se trata dunha entidade con personalidade xurídica propia para o cumprimento dos seus fins con suxeición ás leis e aos seus propios estatutos (art. 2).

A administración pública de adscrición, para os efectos do previsto na Disposición adicional vixésima 1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, é o Concello da Coruña.

Entre os seus fins están, entre outros, a realización de actuacións encamiñadas á atracción e fixación do turismo na Coruña (art. 41.b dos seus Estatutos), a promoción do congresismo mediante a captación, con organización directa ou en colaboración con outros entes, de congresos, tanto de carácter nacional como internacional (art. 4.1e dos seus Estatutos) e, en xeral, promover e potenciar todas aquelas actividades que dalgún modo teñan como fin o fomento e desenvolvemento do turismo e os congresos na cidade da Coruña (art. 4.1 g).

O CONSORCIO DE TURISMO E CONGRESOS DA CORUÑA recoñece que a sostibilidade xa non é unha opción ou atributo, senón unha aposta irrenunciable, e que o turismo sostible pode ser un propulsor do progreso social e económico na cidade da Coruña, con gran potencial para contribuír á mellora da calidade de vida da súa cidadanía e á salvagarda dos seus recursos naturais e ambientais e do seu patrimonio material e inmaterial.

 

 

O Consorcio entende que o desenvolvemento da Coruña como destino sostible constitúe un proceso integrador que inclúe os responsables públicos do destino, a cidadanía, as súas empresas e servizos e os mecanismos de promoción do destino e comunicación cos turistas. O obxectivo final é orientar as accións e políticas turísticas do destino cara ao desenvolvemento sostible, así como xerar sinerxías entre as empresas locais que favorezan o desenvolvemento de experiencias e produtos sostibles, que fomenten o uso respectuoso do patrimonio natural e cultural da cidade e que transmitan os valores do destino e a súa identidade a través dunha experiencia turística enriquecedora, situando o destino e as súas empresas no mercado turístico de forma responsable.

A política de sostibilidade do CONSORCIO DE TURISMO E CONGRESOS DA CORUÑA estará comprometida cos principios que rexen a sostibilidade no ámbito turístico baseados nas directrices emanadas das principais declaracións e convencións internacionais sobre desenvolvemento sostible, a Carta Mundial de Turismo Sostible ST+20 e a UNESCO, así como os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (ODS) e a súa Axenda 2030.

O establecemento desta política de sostibilidade supón fixar unha folla de ruta para acelerar a transición da Coruña cara a un modelo de turismo sostible que pretende ser honesta e ambiciosa para acadar os máis esixentes estándares de sostibilidade nun camiño de mellora continua e de compromiso de cumprimento dos requisitos que lles sexan de aplicación a cada un dos eventos.

Neste sentido, o CONSORCIO DE TURISMO E CONGRESOS DA CORUÑA inicia na práctica o tránsito cara ao turismo sostible coa implantación dun sistema de xestión que segue os requisitos da Norma ISO/IEC 20121:2013, de sistemas de xestión de eventos sostibles, co obxectivo de garantir que os eventos propios se organizarán tendo en conta os aspectos de sostibilidade a eles aplicables e os principios de:

  • inclusividade: teranse en conta todas as partes interesadas e os seus puntos de vista;
  • integridade: teranse en conta os aspectos éticos na toma de decisións;
  • diversidade: consideraranse as necesidades de todos os grupos participantes;
  • transparencia: poñerase á disposición de todas as partes interesadas a información relevante dos eventos;
  • bo goberno: terase en conta na toma de decisións a súa repercusión nas cuestións sociais, ambientais e económicas.

A Coruña, a 10 de Novembro de 2020

Organizan:

Colaboran: